Maghúa. Bon, se somos homes, é por causa da providéncia, que
nos dotou de certos órgaos... Nun comezo chegamos ser até trece
mozos. Un número estupendo de voces. As cousas da vida, os planos,
os estudos, os traballos, fixeron que o número fora reducindo-se, e
a formación variando...
É certo que os grupos coñecidos que empregan pele, madeira e
voz, basicamente son mixtos ou compostos unicamente por mulleres.
Neste ponto non hai dúbida. As mulleres ocupan un lugar determinante
dentro do canto tradicional. Porén, sempre houbo grandes
pandeireteiros e cantadores homes (os que primeiro nos veñen
à memória son Xosé de Vigo dos Toxos, Eugenio de Freaza, Angelito
de Lordelo, Pepito de Barro de Arén...., desaparecidos hai
relativamente pouco tempo; e outros: Pepin de Souto, Floréncio d’A
Condomiña, Pepe d’A Costiña....).
Tamén é certo que antes de Maghúa houbo grupos de cantareiros
(Pandeiromus, Tear de Llerena, Rumbadeira...) e que a dia de hoxe
están rebentando muitísimos grupos con esta formación noutras
tantas asociacións do País...
Puidendo escoller cantar con mulleres (tamén cantamos con elas,
cando cadra!), optamos por ser un grupo formado exclusivamente por
homes. Isto é, probabelmente, o que nos faga “diferentes”.
Cando vos formastes e cais son os obxectivos do grupo?
Maghúa. Botamo-nos à água no natal de 2006. As primeiras pezas
que montamos foron unha jota, unha ribeirana e un valse recuperados
en Barro de Arén (Cerdedo, Ponte Vedra). Maghúa nasceu,
principalmente, co obxectivo comun de pasá-lo ben, facendo que a
xente o pase ben.... E, claro, recuperar e transmitir parte da
tradición oral (tan rica) deste país chamado Galiza.
Maghúa..., por que este nome?
Maghúa. “Manjúa” foi un termo mais ou menos amplamente
utilizado na franxa cantábrica con múltiplos significados. Entre
eles, o de cantidade de pesca que traian os barcos nas adegas cando
tornaban ao porto –con este significado chegou o termo a Cuba, por
exemplo-, banco de peixe azul.... Soubemos que con este último
significado o termo mudou en “maghúa” nalgunha zona de Galiza.
Sendo como somos peixe de tasca, moradores dunha vila con mar... o
nome estaba praticamente atopado...
En que sentido vos marcou o mar?
Maghúa. Moramos nunha vila aberta ao mar, como é A Coruña.
Supón un elemento cotián, un meio de vida para muitísima xente,
unha filosofia, unha posibilidade de lecer.... O mar, ou a mar, é un
elemento notabelmente romántico que une, non separa....
Como vos definides como grupo?
Maghúa. Maghúa é un grupo de cantareiros cando menos atípico.
Fuximos de cair no “folclorismo”. Se ves as fotos e a edición do
noso traballo, comprenderás isto... Somos un grupo contraditório en
muitos sensos, tocamos tradición do País desde un ponto de vista
contemporáneo..., sen adobios estraños. Por exemplo, algo que chama
muito a atención a quen nos ve nos concertos, ou mira as fotos do
disco, é que non vistamos (habitualmente) traxe tradicional.
Entendemos que as persoas às que lle recollimos estas pezas entre
vintecinco e dez anos atrás, non vestian ese tipo de roupaxes... E
seguimos recollendo, e seguimos sen ver esa roupa....
As persoas que veñen às actuacións, agardan ver a catro mozos
vestidos con chambra, calzón e polainas, e non adoitamos vestir
asi....
Veñen de editar o seu primeiro traballo discográfico,
“Corricán”. Que vos pareceu a experiéncia? Contastes con
algunha axuda, colaboración especial, etc.? Con que meios contastes?
E, por que “Corricán”?
Maghúa. Plenamente satisfatória, a verdade. Pésie a estarmos
xuntos durante muitas horas, na casa (gravamos na casa). Foi a
primeira vez que gravamos todos xuntos, como grupo. Valeu-nos para
muito, certamente. Sabemos como queremos gravar no futuro, ou mellor
dito, como non gravar. Compactamos muito mais...
Maghúa sempre tivemos muitísima sorte cos amigos e amigas que
temos. Se o redondo veu a luz e saiu como saiu foi grazas a isto...
Contamos coa colaboura de Xurxo Souto na preparación dun texto, e
duns curtes de voz que aparecen no disco...., que foi gravado por
Agustin Sánchez (gaiteirazo d’A Coruña) co seu estudo
portábel.... En canto ao deseño, tivemos a sorte de contarmos cos
obxectivos de Juan Luis Rua e Luisa Patiño. As fotos son preciosas,
e sacaron-nos realmente ben.... É curioso, porén vemo-nos ben,
tanto que nos custa recoñecer-nos... O deseño é obra do amigo
Xabier Juiz, que tamén colaborou, xunto co seu grupo (Salvador, a
ver cando argallamos algo mais de xeito conxunto) na gravación dun
tema.... Para rematar a obra, logo da publicación dun artigo sobre
Maghúa no xornal “El País”, Inquedanzas Sonoras puxeron-se en
contacto connosco e fixeron unha oferta de fabricación e
distribución...
O resultado parece-nos surprendente. Gravado nunha habitación da
casa, o son é bon, limpo... E o disco é un redondo que gostamos de
ter na mao.
“Corricán”, ou “curricán” é o nome dunha técnica de
pesca respectuosa co meio, consistente en apañar as pezas unha por
unha, valendo-se de canas, liñas e anzois. Era a técnica empregada
para pescar atun.... Entre o nome do grupo e o do disco existe, xa
que logo, unha relación. Gostamos de ver as recollidas como unha
espécie de corricán...., respectuoso co elemento...
Os temas son todos tradicionais.... E as coplas..., seguro
que nalgun caso teñen criado polémica..... entre certo seitor do
público....
Maghúa.
Bon...., os once primeiros temas si, son tradición galega en estado
puro e, como diciamos, sen adobios. Logo, vén un tema, o 12, que é
un clásico do heavy metal británico, do Paranoid, de Black
Sabbath... Quixemos facer un guicho a outras das músicas das que
gostamos. Para iso, metimos unhas coplas sobre a billarda, deporte
galego. A história deste tema é longa.... Estreamos este tema hai
un par de anos, na final dun certame à que, por casualidade,
chegamos... O resto dos grupos eran de rock.... Quedamos de segundos.
Se a
polémica à que te refires é a do idioma...., entendemos que un
grupo como o noso, ten que cantar o que recolle, tal e como o
recolle... Cando gostamos dun tema dos que recollimos, procuramos
escoller coplas en galego, porén non sempre é posíbel....
Que pode agardar o público do “Corricán”? E dos
concertos de apresentación?
Do disco
pode agardar unha boa edición, e unhas gravacións feitas desde o
respecto mais absoluto à nosa tradición oral concentrado en 53
minutos. . Procuramos dotar à gravación no seu conxunto dunha dose
de “continuidade”, e achegar a quen o escuite ao cerne da
“história”... Quen poña o disco nun leitor, saberá de que
falamos. Quixemos devolver parte do cariño que a xente nos dou
previamente...
Quen poña
o disco a reproducir verá-se transportado a un concerto básico de
Maghúa. Iso é.
Nos
concertos de apresentación hai un pouco de todo. Tradición, música,
respecto, baile... Os catro compoñentes somos bailadores. Gostamos
muito de que a xente baile connosco, nas actuacións.
Como está a ser a resposta tanto dos meios como do público?
Estamos completamente surprendidos. Desde a aparición do grupo
sempre nos vimos arroupados pola xente e polos meios. No 2009
gravamos un programa da série ALALÁ, da TVG, e con iso acabamos de
despegar. Desde aquela pasaron unhas cantas cousas, e sempre contamos
co apoio dos meios. Levan aparecido artigos sobre o Corricán en El
País, El Ideal, La Opinión, La Voz... Co gallo da apresentación en
Barcelona, Europa press colocou-nos en todo tipo de xornais cataláns
e barceloneses. Coas emisoras de rádio tamén tivemos sorte, e
aparecimos en programas como Recendo ou Folk in Trio (CUAC FM), Lume
na palleira e Tres peixes voando (Rádio Galega Música), A vivir
Galicia (SER). Na TV, en programas como o LUAR (no que apresentamos o
Corricán o pasado 23 de novembro), A Solaina.... E temos previsto
sair na portada da revista dixital Sons da Galiza, no vindeiro
número...
O público non nos surprende menos.... Muita xente agardaba a
publicación do disco, e animou-nos a gravar. E a sua resposta está
sendo abrumadora. Tanto no que é a asisténcia aos concertos como à
hora de mercar o disco. Non temos palavras. Bailan durante hora, hora
e meia, cantan os temas, e re-publicitan nas redes sociais...
Onde levades tocado e que planos de concerto tedes
para o futuro?
Co Corricán, logo da apresentación n’A Repichoca (A Coruña) o
pasado 19 de outubro, tocamos en Barcelona, Vigo, Compostela,
Teixeiro, Alcalá de Henares, Madrid...
A curto prazo, tocaremos n’A Coruña (nun dos concertos
expansivos do Xº aniversário de NUNCA MAIS), Ferrol (6 de
decembro), Valladolid (8 e 9 de decembro), Betanzos (12 de xaneiro),
Couso (25 de xaneiro)... E toca-nos ir montando os Reis, para este
ano.... Queremos, tamén, achegar-nos por Ourense antes da fin do
ano, e por Ponte Vedra e Lugo pa volta de xaneiro... Temos planos
para ir tocar a Euskadi e Astúrias.... Non paramos, e imos aló onde
nos chamen...