HEREDEIROS DA CRUS NO CULTURGAL

Heredeiros da Crus ofrecerán dous miniconcertos e asinarán DVDs esta fin de semana en Pontevedra e A Coruña
- O mítico grupo de Ribeira atenderá aos medios e aos fans o venres ás 19:00 no Culturgal (Pontevedra) e o sábado ás 19:30 en Marineda City (A Coruña)
- Fran Velo, Javi Maneiro, Tonhito de Poi e Tucho tocarán algúns dos seus temas máis coñecidos en formato acústico

Despois da existosa xira do regreso do pasado verán, Javi Maneiro, Tuchiño, Fran Velo e Tonhito de Poi presentan en varias cidades galegas o DVD 20 aniversario publicado en xuño coa gravación íntegra do memorable concerto que os de Ribeira ofreceron o 3 de marzo en Ordes. O DVD inclúe, ademais do concerto, un feixe de contidos adicionais como vídeos promocionais, fotografías dos fans e mesmo a campaña íntegra 'Volven os mais jrandes', coa que os Heredeiros fixeron pública a súa volta aos escenarios. Os Heredeiros da Crus asinarán exemplares deste DVD e do resto da súa discografía este venres, 30 de novembro, a partir das 19:00 no stand de Airapro na feira Culturgal, en Pontevedra (pazo da Cultura). O sábado o acto terá lugar no centro comercial Marineda City, na Coruña, en concreto na segunda pranta do Corte Inglés a partir das 19:30 horas. 

Nos dous casos ademais de atender aos fans e aos medios de comunicación, os Heredeiros da Crus ofrecerán un pequeno concerto acústico interpretando en directo algúns dos seus temas máis coñecidos. Ademais, os que se pasen polo acto do Culturgal poderán mercar o novo produto de merchandising de Heredeiros para este Nadal: o pack 20 aniversario, que por un prezo de 20 euros inclúe o DVD en directo, unha camiseta (branca ou negra, a escoller), unha peza de roupa interior (tanga ou calzón, a escoller) e unha postal de Heredeiros --en Marineda City só estará á venda o DVD por separado--. A partir do luns este pack poderase comprar tamén por internet a través da tenda online de Airapro. 

Plans de futuro
Con estes miniconcertos nos que poderán rencontrarse cos fans e xornalistas, os Heredeiros da Crus pechan así o 2012, un ano memorable no que os de Ribeira celebraron o seu 20º aniversario como grupo volvendo aos escenarios logo de 8 anos separados cunha abrumadora acollida por parte dos seus incondicionais fans, que encheron até a bandeira cada un dos concertos que ofreceron os Heredeiros da Crus. No aire queda, polo momento, o futuro e os plans para o ano que vén do que é un dos grupos máis importantes da música galega contemporánea. 

Ademais do seu traballo en Heredeiros, os catro membros da banda compaxinan o seu traballo en Heredeiros da Crus con outros proxectos individualmente: Fran Velo está a presentar polas salas galegas unha nova banda, Os Lakazáns; Javi Maneiro vén de publicar novo disco con Jabón Blue; Tucho segue a dalo todo nas actuacións gamberras de Recambios Tucho e Tonhito de Poi presentará o vindeiro 18 de decembro no Teatro Colón da Coruña o seu novo librodisco en solitario, 'O soro da verdade'.