Entrevista a OS CANTAREIROS DO MAR


¿Que son “Os cantareiros do mar”?
Os cantareiros do mar” somos un trío musical formado en Barcelona. Somos dous galegos “emigrados” Anxo (guitarra e barítono) e Gabriel (tenor) e un catalán “galeguizado”, Aleix (acordión e voz de baixo).
¿Cal é a vosa proposta?
Todos sabemos que ó estar fóra da terra a morriña sempre é algo que levas dentro. Nos queriamos escoitar música en galego, e que mellor que nós mesmos para facelo, e para mostrala fóra das nosas fronteiras, con orgullo e con adicación. Anxo é de Marín, Gabriel de Vigo, o mar sempre nos marcou, e por iso escollimos ese nome. Interpretamos temas de música popular, e cancións mariñeiras, respetando a tradición, pero sempre cun punto de modernidade, e coa calidade interpretativa que merecen estas pezas.
¿Algún exemplo dos temas que interpretades?
Gústanos variar, facer temas con máis ritmo como “A folíada de Santiago”, ou “Catro vellos mariñeiros”, “A Santiago vou”… e temas máis lentos e melódicos como “Unha noite na eira do trigo…”, “Ahí ven o maio…”; tamén facemos adaptacións dos clásicos da música galega como “Negra sombra” ou “Lela”…
Todo con voces masculinas.
Sí, queremos que a voz masculina teña máis importancia na tradición da música galega. Temos un gran exemplo en “A Roda”, (do recente e tristemente finado FITO). Son un referente para nós. Queremos que as voces dos mariñeiros cantando e pasando unha boa noite nas tabernas, volvan a escoitarse nesas melodías nostras.
¿Actuaredes só por Barcelona, ou tedes pensado abrir fronteiras?
Un dos nosos obxetivos principais é dar a coñecer a música galega en Cataluña, e tamén no resto de España, e se pode ser en calqueira lugar do mundo. Pero tamén recoñecemos que sería para nós unha grandísima ilusión poder ser profetas na nosa terra. Hai proxectos de tocar en Galicia, pero xa se sabe que ata que non estean seguros… mellor calar.
En Cataluña hai unha gran tradición das cancións mariñeiras e habaneras, ¿pode a vosa formación encaixar nese xénero?
Non podemos dicir nin que si nin que non. Tentamos ofrecer algo novidoso, o primeiro no idioma. Nós usamos o galego, e polo tanto o noso repertorio xa é de entrada diferente. Pero por outra banda a nosa formación (acordión, guitarra e voces) sí que é unha formación típica de grupo de habaneras. De todas formas preferimos que nos coñezan simplemente como “Os cantareiros do mar”, e cando nos escoiten que cada un decida. Sí que é certo que esa tradición de música mariñeira en Cataluña está moi instaurada, e ten prestixio, algo que nos gustaría moito que puidésemos asentar en Galiza.
Faládenos un pouco de vós.
Pois Anxo é guitarrista nun par de grupos de boa tirada en Barcelona, e tivo ocasión de xirar con eles por escenarios míticos de Cataluña. Aleix é acordeonista en grupos de habaneras en Cataluña, tamén é profesor de música, e participa en diferentes actos das casas galegas. Gabriel é tenor lírico e ten actuado en zarzuelas e musicais en Barcelona. Pero ós tres nos une a paixón pola música galega, por iso fundamos o grupo.
¿Onde podemos saber máis de vós?
Temos una web en construcción : www.cantareirosdomar.wix.com/cantareirosdomar
onde podedes saber máis de nós, e escoitar algunh cousiña. E despois nas redes sociales, se nos buscades ahí estaremos.
Grazas e moita sorte co proxecto.
Grazas a vós… e ¡A CANTAR¡