XOAN CURIEL "NOVAS"



DENTRO DO CICLO “ÍNTIMO E ACÚSTICO”

Un Xoán Curiel inédito e lírico chega a Compostela con 'Novas'

'Novas' é o máis recente espectáculo de Xoán Curiel. O artista defíneo como “unha paréntese” no seu segundo traballo discográfico, Magnético Zen, e co culminará un ano que foi e aínda será “intenso” canto a presentacións, participacións en eventos e en diferentes discos. Nova formación, novo repertorio e nova propostas artística caracterizan un proxecto que se poderá ver os próximos días 11 e 12 de decembro na galería compostelana Zona C.

En 'Novas', Curiel detense para cantar temas inéditos que perfilan un novo disco e algunha outra peza das súas colaboracións en traballos doutros artistas; cancións líricas que “teñen unha emocionalidade”, apunta. Ademais, tal e como indica o propio cantor, este concerto amosa a súa útlima creación “cun formato musical e espacial diferente”. 'Novas' xorde como “unha necesidade de agasallarme o feito de experimentar algo novo na música, algo diferente e dun xeito diferente” arriscando a explorar, sinala.

Estes concertos, que se celebrarán na galería de arte Zona C sita en San Domingos de Bonaval número 1, ás 21:00 horas, encádranse no ciclo "Íntimo e acústico" do Concello de Santiago. As entradas xa se poden adquirir no Teatro Principal compostelán en horario de billeteira, de martes a sábado de 18 a 21h a un prezo de oito euros.

Para quen se achegue ao evento, a cada entrada corresponderalle unha infusión e un petisco doce caseiro elaborados por M* Café & Copas.

Nova formación

A formación que porá son a 'Novas' está composta por Serginho Sales ao teclado, acordeón e efectos, Alberte Rodríguez no contrabaixo e baixo eléctrico, e como cantante convidada Nastasia Zürcher. É a primeira vez que estes músicos se reúnen “porque non levo percusión -será electrónica- que é algo inusual cando toca con mais músicos, indica Xoán Curiel, o cal quere dicir que vai ser un formato mais lírico. Ademais, a posta en escena vai ser tamén diferente, xa que as persoas que asistan mesturaranse cos músicos ”para que o público nos poida ver de moitos ángulos”, di.

Canto á relación cos músicos que o acompañarán nestes concertos, con Serginho Sales ten colaborado en A Nena e o Grilo. Pola súa banda, Alberte Rodríguez entrou na banda habitual de Xoán Curiel para substituír nalgún concerto de Magnético Zen o baixista do grupo, Xabier Olite.

Talento en varios proxectos

O cantor afincado en Teo ten feito numerosas colaboracións nos últimos anos. Sen ir máis lonxe, en xaneiro deste ano cantou xunto a Carlos do Carmo, entre outros artistas, en Cantos na Maré; xa en outubro, participou no Festival Estou Lá como artista e director artístico compartindo escenario con figuras coma Eneida Marta ou João Afonso, entre outros moitos. Tamén ten colaborado con Xabier Díaz e Guillerme Fernández no disco Arrolos de salitre ou coa cantora angolana Aline Frazão no seu traballo A minha embala, por mencionar só algúns.