DIOS KE TE CREW A REVELACION DOS 10



 A Revelación dos Dez

[Benaventurado o que le, e os que oen as palabras desta profecía, e gardan as cousas escritas nela: porque o tempo está cerca]

Hai 10 anos escoitamos a chamada…, e cumprimos agora unha década defendendo a palabra do Señor. Durante este tempo, no que espallamos o mellor que puidemos a súa Doutrina, reunimos unha gran cantidade de historias, de experiencias, de fermosos capítulos que adornan proverbialmente as nosas insignificantes vidas.

Hai quen pensará que é tarefa sinxela, agradecida, sen desgaste e levadeira…, mais basta contemplar as franciscanas dalgúns dos Irmáns para retirarlles esa idea da cabeza. Os camiños do Señor son inescrutables.

Para celebrar tal magnánimo acontecemento, decidimos realizar unha xira conmemorativa onde ofreceremos unha cerimonia especial, acompañados por Santino (guitarra sacra), Ho Chi Minh (baixo etéreo) e Al Fabeto (celestial batería), xunto cos discípulos habituais da Orde: El Padre Murdock, O Irmán Mou, O Irmán García, O Irmán Jamas e O Irmán Sokram. Bautizamos a xira, como non podía ser doutra maneira, como a “Xira dos 10” (en ocasións a nosa orixinalidade roza o indescifrable).

A nosa peregrinaxe levaranos por cidades como Gasteiz, Zaragoza, Madrid, Sevilla, Bilbo, Barcelona, Cádiz, Xixón, Huesca ou Sabadell, entre outras. E, se Deus e a nosa saúde o permiten, regresaremos a Gallaecia para dar comuñón a tódolos fieis en Santiago de Compostela.

A cidade de pedra acollerá, o día 25 de Maio na Sala Capitol, a presentación do X Aniversario de Dios Ke Te Crew. Ás 21:00 horas abriranse as portas, desvanecerá o tempo, e alcanzaremos xunto a vós un éxtase sen igual. Como ofrenda, polo mero feito de asistir á celebración, agasallaremos a tódolos devotos un CD con dúas cancións inéditas; unha reliquia especial que non se poderá adquirir en ningunha outra ocasión.

Gracias, pois, por aguantarnos. Perdoade sinceramente as nosas ofensas, así coma nós non perdoaremos endexamais as ofensas dos que nos gobernan.

Líbranos do Pop.

Amén