I FESTIVAL DE MUSICA DE HERBON "AS NOTAS DO PEMENTO"



I Festival de Música de Herbón 'As notas do Pemento'
MÚSICA CLÁSICA PARA ADEREZAR E POTENCIAR O PEMENTO DE HERBÓN
Todos os venres do mes de xullo o convento de Herbón acollerá unha serie de concertos de música clásica. Ademais, haberá visita guiada a este edificio histórico e degustación de pementos. O seu obxectivo: difundir o valor do pemento de Herbón e achegar a música clásica á xente.

Santiago de Compostela, 27 de San Xoán. Música clásica e pementos de Herbón. Esa é a oferta cultural do mes de xullo na parroquia de Herbón, en Padrón, grazas ao I Festival de Musica de Herbón 'As notas do Pemento'.
Unha cita que reunirá no fermoso convento de Herbón as mellores promesas da música clásica de Galicia nunha serie de cinco concertos que combinarán recitais líricos, cuartetos de vento, música barroca ou un dúo de piano e gaita.
'As notas do pemento' está organizado polas asociacións Sementar, Onde hai Música e Galicia Sustentable e conta coa colaboración da S.A.T. A Pementeira, da Asociación Galega de Amigos do Camiño (AGACS) e da Axencia de Comunicación Xurimaru. O seu obxectivo é resaltar as potencialidades do pemento de  Herbón a través da música. E para iso, nada mellor que o lugar onde naceu e se mimou durante tantos anos; o convento franciscano de Herbón, fundado en 1396. A horta, o claustro e a fonte serán algúns dos escenarios que acollerán estes concertos, que terán lugar os venres de cada mes a partir das 20.30 horas máis o domingo 28 ás 12:00.
Precisamente, Eliseu Mera, o director do festival, destacou este feito durante a presentación do evento no Hotel Monumento San Francisco de Santiago e que contou coa presencia do seu director, Jorge San Martín. "Queremos homenaxear un produto tan sinalado da nosa terra como é o pemento de Herbón e facelo no lugar no que medrou por primeira vez, o Convento Franciscano", precisou Mera.

Grupos convidados
Entre os músicos e grupos convidados están:
Ensemble Giogia; con Belén Freire (frauta), Natalia Insua (clarinete),José Manuel Quintián (trompeta),
Marta Freire (saxo alto), María Santos (saxo tenor) e Ana Moas (cello). Actuarán o venres, 5 de xullo.

Unha semana despois, o 12, será a quedan de Ensemble Rosa del ciel; con Esperanza Mara (soprano e cello barroco), Thiago Vaz (tenor) e Guilherme Barroso (laúde e guitarra barroca).

O 19 de xullo estará Herbens Consort con Indra Sesti (soprano), Eliseu Mera (barítono), Carlos García Amigo (viola da gamba) e Diego Rojo (arquilaúde).

O venres, 26, terá lugar un Recital lírico a cargo de Sonia Bouzada (mezzosoprano), Enrique Martínez (tenor) e Elena Pérez (piano).

O ciclo rematará o domingo, 28 de xullo, ás 13.00 horas co grupo Quodlibet con Felipe Rea (gaita) e Andrea García (piano).

VIDEO PROMOCIONAL
https://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=IQucwGcj3qA








Na filosofía do festival está, ademais, achegar a música clásica á xente. "Mediante esta iniciativa pretendemos, por unha banda levar a música a novos espazos e abrila a novos públicos e, pola outra, darlles aos novos músicos a posibilidade de ter un evento diferente no que actuar", sinalou Eliseu Mera. Por iso, os concertos están pensados coma encontros nos que os músicos dialoguen co público. Ademais, haberá unha exposición audiovisual e fotográfica do proxecto Onde hai Música e do proxecto Herbón. Promoción do pemento “Este festival contribuirá á difusión da produción de pemento de Herbón como base da nosa economía local, defendendo o traballo das nosas pementeiras.
E, ademais de gozar da música, tamén se poderá coñecer a historia deste cultivo e a súa relación coa casa franciscana”, apuntou, tamén, durante a presentación do evento, Pilar García, coordinadora da asociación Sementar.
E é que ademais de música, o público que se acerque ata o convento poderá disfrutar dunha visita guiada por este edificio histórico que agarda, aínda, ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC). E serán os propios frades franciscanos os perfectos guías nesta aventura pola historia de Herbón. Iso será media hora antes dos concertos, porque ao remate dos mesmos, os organizadores ofrecerán unhas tapiñas de pementos.
Por iso, Pilar García insistiu en que este festival tamén ten a súa verquente económica; a de “introducir criterios de sustentabilidade na posta en valor dos recursos estratéxicos de Galicia”, neste caso o pemento, grazas a un arte como é a música.

Divulgar a música clásica

'As notas do Pemento' é froito da colaboración de varias asociacións e entre os seus obxectivos tamén está divulgar a música clásica, achegar os múltiples mundos, historias e realidades que, nas máis das veces, quedan ocultas detrás do formalismo e rigor das institucións", apuntou Lucía Santiago, coordinadora de Onde Hai Música.
"A música nos acompaña todos os días e, na Fundación Galicia Sustentable, cremos firmemente que se nos achegamos á música clásica dun xeito aperturista e divulgativo, todas e todos poderemos atopar múltiples e diversas emocións e sensacións, rompendo os prexuizos de que toda a música clásica é o mesmo", engadiu.
E, con este espírito, creouse o logo do festival, o “Herbonciño”, un pemento de Herbón tocando unha mandolina, que simboliza a mestura entre o popular e o clásico.

Os interesados en mercar entradas para este festival único poden facelo a través da súa web (www.asnotasdopemento.com ) ou no Hospital de Peregruinos Santo Antonio de Herbón, das 16.00 ata as 22.00 horas.

O prezo é de tres euros por concerto ou de dez se se compra un bono para todas as actuacións.
PROGRAMACIÓN

Conectate As notas do pemento
https://www.facebook.com/asnotasdopemento?fref=ts
@notasdopemento #notasdopemento
http://www.asnotasdopemento.com/

Para máis información podedes poñervos en contacto con Xurxo(630545240)