ENTREVISTA A TRAPOS SUCIOS

Boas tardes Trapos Sucios, que tal?

Boas! Ben, gracias.

Contádenos un pouco quen sodes e o estilo de música que facedes

Pois Trapos Sucios somos un grupo de Muros, levamos xa varios anos tocando e autoeditamos 3 discos, dous deles gravados integramente por nós e este último, Idiocracia, gravado no Carballiño, en Estudios Mafia (http://estudiosmafia.blogspot.com.es/). Actualmente estamos presentando o noso último traballo, Idiocracia. Sobre o noso estilo de música pois é difícil que nos o definamos, seguro que persoas que nos escoitan o poderían responder mellor pero consideramos que facemos rock con algúns toques punk, con letras críticas e comprometidas cos problemas da sociedade.

¿Por que Idiocracia? ¿Que mensaxe queredes transmitir co título deste novo disco?

Idiocracia é unha sociedade gobernada por idiotas e, entre todos os títulos que pensamos para este novo disco, gustounos o xogo de palabras e o insulto directo que contén. Ademáis do uso despectivo da palabra, un idiota é unha persoa torpe de entendemento, pouco intelixente. Quizáis esta sexa a única explicación de por que neste país se toman certas decisións...

Gústanos moito o deseño do disco e como está presentado, sobre todo a idea do cerebro que aparece na portada do mesmo. ¿Como xurdiu esta idea?

Á hora de plantexar o deseño de Idiocracia tiñamos claro que ía ser sinxelo, sen complicacións. Démoslle ao deseñador un resumo do que contaba cada canción para que el puidese enfocalo sobre o contido das propias cancións. Ademáis, fixémoslle chegar algunha idea que estiveramos discutindo entre nos para a portada. Finalmente, entre todos os bocetos realizados, foi a idea do cerebro a que máis nos gustou e a que mellor representaba o título do disco.

Cada vez son máis os grupos que distribúen o seu disco so na rede. Sen embargo, parece que Trapos Sucios resístese a abandonar o CD. ¿Que tendes que dicir sobre isto?

Consideramos que o disco como formato de distribución musical está superado, as novas tecnoloxías gañaron moito terreo e pouca xente quere xa mercar un disco. Moitos grupos xa non editan en formato físico e é totalmente respetable. Internet fainos a todos os grupos un pouco máis libres e é unha plataforma idónea para abrir ao mundo as nosas inquietudes. Sen embargo, a nos séguenos a gustar máis ter o noso traballo nun disco que ter ficheiros con audio comprimido no ordenador. Ao mellor non hai próximo disco, ao mellor o próximo disco so se edita na rede, ao mellor sacamos unha edición limitada de Idiocracia en vinilo... tampouco nos pechamos a outras formas de publicar o noso traballo.

Ademáis, o disco inclúe un DVD cun ensaio en directo e un videoclip. ¿Poderíades contarnos un pouco o motivo de incluir un DVD e como foi a realización do mesmo?

O contido audiovisual do grupo ata a publicación de Idiocracia en 2013 era escaso e de mala calidade. É dicir, no que a videos se refire tiñamos unha débeda con nos mesmos. Por este motivo, decidimos realizar un videoclip e gravar un ensaio da banda en directo. Era algo que sempre quixemos facer e pensamos tamén que incluindo un DVD a xente animaríase máis a conseguir unha copia física do disco.

O videoclip realizámolo coa productora Ziwa en tan so un fin de semana, a finais do ano 2012, con moi pouco presuposto e coa axuda de amigos e coñecidos. Gravámolo en distintos lugares de Muros e nunha antiga fábrica de conservas que hai chegando a Lira. Foi unha nova experiencia para o grupo e quedamos moi satisfeitos co resultado final.

O ensaio do grupo realizámolo no estudio onde gravamos o disco, Estudios Mafia, no Carballiño, pouco antes de sacar o disco. Desta vez contamos coa productora Retina e con Chichi, dono do estudio, para a producción do mesmo. Foi gravado en tan so un día e tamén con moi pouco presuposto. Unha vez máis acertamos e quedamos moi satisfeitos co resultado obtido.

Vemos que o disco está baixo unha licencia Creative Commons, ¿por que apostades por este tipo de licencias?

Desde o noso punto de vista este tipo de licencias facilitan as cousas a grupos como nos. Outro tipo de licencias poñen máis impedimentos que ventaxas. Interésanos que circule a nosa música libremente, darnos a coñecer. Tamén nos interesa que aquelas persosas que queiran defender a nosa causa merquen o disco, merchandising ou veñan aos concertos. Non pedimos nada a cambio para que alguén poida escoitar os nosos discos pero tamén é certo que son as persoas que se involucran economicamente con nos as que fan posible que poidamos seguir adiante.

¿Como se pode mercar Idiocracia?

O disco pódese mercar en formato dixital en páxinas como iTunes, Amazon, Spotify, Band Camp ou CD Baby entre outras. En CD Baby tamén se poder mercar unha copia física e recibila na casa. Ademáis, nos concertos pódese conseguir xunto ao merchandising.

E para quen queira escoitalo, pódese facer de balde en Spotify, na nosa páxina web, Sound Cloud ou Band Camp.



¿Que obxectivos quere alcanzar Trapos Sucios con este novo traballo?

Non somos demasiado ambiciosos, conformaríamonos con darnos un pouco máis a coñecer e tocar en novos lugares. Estamos orgullosos do noso traballo e satisfeitos co recibimento da xente, se merecemos máis é algo ao que nos non podemos responder. Pola nosa parte so podemos seguir esforzándonos ou darlle final a este conto.

 No disco existen algunhas colaboracións, ¿poderíades contarnos un pouco cales son estas colaboracións?

Non pensabamos incluir tantas colaboracións cando iniciamos o disco pero unha cousa levou a outra e, ao final, o resultado é o que podedes escoitar. Javi Maneiro (Heredeiros da Crus, Jabon Blue) e Kuervo (Forraje, Jabon Blue) son amigos do grupo e dúas persoas ás que gardamos moito respecto polo seu recorrido nesto de tocar. Javi xa colaborara con nos no primeiro disco e agora quixemos recuperar a súa voz para un dos temas en galego do disco (“Falar por falar”). Kuervo non colaborara antes, levábamos tempo con ganas de que así fose e neste disco por fin puidemos contar con el. Gus colaborou no disco porque coincidimos en Estudios Mafia con Nao durante a gravación do seu último disco “Cancións de amor e liberdade”. É un grupo que nos gusta o que fai e, por medio de Chichi, obtivemos a súa colaboración en “Mentira 47”. A colaboración de Diego Mosquera ocorréuselle a Chichi un día no estudio falando sobre un trozo de canción onde queríamos engadir algo máis do que había xa gravado. Finalmente, tivemos a oportunidade de contar coa colaboración de Bode e Pajarillo (Porretas) máis Kosta (Boikot) en “Espankia” e con Kutxi (Marea) en “Menudo futuro”, membros de grupos que nos gustan moito e que aportaron o seu estilo inconfundible ao disco.

Neste novo disco hai dúas cancións en galego, “Falar por falar” e “Cousas do mar”. ¿Veremos algún día un disco de Trapos Sucios integramente en galego?

Dentro dos nosos plans non está mudar de idioma. Neste disco incluimos dúas cancións en galego, “Falar por falar” e “Cousas do mar”. No primeiro disco incluimos “¿Que máis da?” e temos algunha máis que non foi publicada nun disco. Todos nos falamos galego e gústanos que se use o galego na música. Que cantemos en castelán non nos debería facer peores nin mellores.



https://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=uEhTWmlb_tc

Sodes un grupo que levades varios anos en funcionamento e, desde o noso punto de vista, cun traballo bastante digno. ¿Por que non é Trapos Sucios un grupo máis coñecido?

Hai moi bos grupos en Galicia e cun traballo tan digno como o noso ou mellor. O que si é certo é que nunca invertimos demasiado esforzo en chamar a atención ou dar que falar. Cada grupo decide que estratexia quere seguir e nos decidimos que se nos valore polo que facemos e non polo que falamos máis alá das cancións.

Xa para rematar, ¿que vai facer Trapos Sucios os vindeiros meses?

Vamos presentar o disco en pequenos locais e salas durante o inverno e gustaríanos entrar nalgún festival o próximo verán. Ao mellor facemos outro videoclip ou preparamos algún concerto noutro formato. Non prometemos nada, iremos facendo aquelo co que máis a gusto nos sintamos.

Moitas gracias, un placer poder falar con vos. Esperamos que teñades moita sorte e ter pronto noticias do grupo!

O placer é noso, ata a próxima.

Entrevista realizada para ,usicaengalego por Tania Dominguez

MAIS INFO DE TRAPOS SUCIOS EN http://www.trapossucios.com/