ENTREVISTA A LIVIAO DE MARRAO

Entrevista a Liviao de Marrao para Música en galego
Cando e onde nace Liviao de Marrao? Porque?
[Antom] Foi umha cousa que levou anos dar-lhe forma, mas que saiu da noite compostelá quando Xurxo e mais eu passados de revoluçons lhe fizemos um “tema” ao Piloto. Tinhamos ganhas de tocar e de montar um grupo para passá-lo bem. Eu penso que é umha necessidade geracional... cada geraçom tem as suas inquedanças, os seus medos e as suas arelas e isso requer que fagam a sua própria música. E se és da aldeia e nom gostas do raeggeton nem da Panorama e consideras que a Galiza e a mocidade som duas vítimas dum mundo de pensamento único, mercado único e lingua única... quase é umha necessidade empregar canles coletivas para criar contra-cultura. Infelizmente a cultura minorizada e periférica da nossa naçom segue a ser profundamente centralista também porque o rural é cada vez mais umha reserva e nós os indios de Dixebra.
[Levices] Pola miña parte, eu cheguei co grupo xa ideado e con algúns temas planificados, creo que nos primeiros ensaios tocabamos hits actuais da talla de Galiza Bilingüe, O Piloto... isto foi no 2010. Eu por entón estaba en Francia e un bo día recibín un correo de Xurxo e Antom no que me preguntaron que me parecía a idea de montar un grupo de bravú, para retomar un pouco o que supuxo ese movemento na década dos noventa. De Francia volvín ese verán e se non me equivoco foi cando creo que comezamos cos ensaios xa máis en serio.
[Xorxe] Como ben di Antom o grupo nace nas noites de troula compostelá. Eu estaba a rematar a carreira en Santiago e daquela vivía con Xurxo, o guitarrista, no mesmo andar en Pontepedriña. El xa falaba de montar un grupo que levaría por nome Liviao de Marrao. E pouco a pouco, nas noites de xoldra coa guitarra do Xurxo, a todo volume no salón, e a colaboración duns cantos que por alí andabamos montando a virghe, o grupo foi collendo forma. Un día recibín unha chamada do Xurxo para ser o gaiteiro de Liviao de Marrao e… aquí estamos!
Penso que Liviao de Marrao responde as arelas dun grupo de mozos do interior galego, dunha zona que sofre desde fai anos un esquecemento e abandono brutal. Estas arelas veñen marcadas pola necesidade de continuarmos cunha cultura de aldea que nós mesmos vemos que se está perdendo, de practicala, póla en valor e preparala para os tempos que corren. A cultura como creación colectiva evoluciona e nós queremos estar aquí neste momento histórico para dicir que o rural galego, a aldea, ten moito que dicir, que vivir. Mantermos viva a cadea de transmisión da mesma.
[Marcos] No meu caso, Liviao de Marrao nace para min unha semana antes do primeiro concerto cando, mentres tomabamos algo (o domingo das eleccións municipais) e compartiamos conversa nun agradable local de Chantada, Antom non paraba de dicir que tiñan que dar un concerto e non tiñan batería. Á terceira ou cuarta vez que o dixo reparei nas súas palabras (non lle estaba facendo caso, hahaha) e unha semana despois estabamos tocando. E ata agora, manda carallo!
De onde sae ese nome que tanto choca a quen non vos coñece? Quen compoñedes actualmente este colectivo?
[Marcos] O que mais me atraeu do grupo foi o nome, realmente. Ese poder visceral só podía ser orixe de algo grande. Dos compoñentes só recalcar que cada día somos mais, o poder creativo que teñen, e a forza musical que desprenden.
(Xurxo) Nunha ocasión, falando do grupo, un paisano preguntoume que cómo nos facíamos chamar. Logo de dicirlle Liviao de Marrao, comprendeu perfectamente de que pé coxeabamos, e empezou a definir case milimetricamente o noso estilo. Para min iso é o que máis valor ten do noso nome, ademais da súa pegada sonora.
(Levices) O grupo comezou escaso de xente... nos primeiros ensaios creo recordar que estabamos o Antom, o Xurxo, Víctor, un veciño do Xurxo que toca a gaita e Cristian, un rapaz de Chantada que veu probar ás guitarras algúns días. O que máis botei en falta eses primeiros días foi un batería, que aínda tardaría en chegar algúns meses... Ata cando se incorporou o mestre coralista Marcos que aí segue, dando por saco ós nosos oídos. Case ó mesmo tempo chegou Xorxe para facerse cargo das gaitas, ata o de agora, e Héctor co seu violín. A formación mantívose así máis de dous anos, ata hai uns meses en realidade con Antom á voz, Xurxo á guitarra, Marcos á batería, Héctor no violín, Xurxo nas guitarras e eu dándolle ó baixo. Pero o número de músicos na comarca é amplo e coñecémonos todos por aquí así que invitamos a outros tres personaxes a que viñeran a facer ruido ó local e así acabaron por entrar os tres metais que temos agora e que lle dan outra vida á historia esta. Así que dende hai uns mesiños contamos con Luís Miguel na trompeta e Chema e Víctor nos saxos.
(Xorxe) Creo que Levices describe moi ben como foron os inicios do grupo. Como fomos aparecendo cada un pouco a pouco ata conformar o que hoxe somos. No tocante ao nome é cousa de Antom e de Xurxo, e penso que eles o explican perfectamente. Liviao de Marrao responde perfectamente a idiosincrasia de cada un de nós, dos que conformamos o grupo. Desde a xenialidade e o bo facer dos metais con Luís Miguel, Víctor e Chema, quen teñen as súas espaldas anos de música tocando pola contorna de Chantada e facendo música popular; a sapiencia de Marcos á batería, quen leva anos xa de carreira músical; a voz rexa e forte de Antom, que é a alma mesma do grupo e tamén evoca ao espírito da zona en que vivimos; Levices ao baixo que xa ten experiencia no mundo da música por ter formado parte doutras formacións; Xurxo quen ademáis da guitarra é un dos grandes artífices de gran parte da música e das letras e, por suposto Héctor, quen coa súa mestría lle dá un toque de distinción e elegancia á música co violín. Eu pola miña parte fago o que podo, aínda que as veces pareza, como xa me teñen dito, o tuno que toca a pandeireta por aquello de que nalgún tema estou parado.
[Antom] Eu de música pouco ou nada. Fago ruído e graças... O nome Liviao de marrao é umha boa maneira de dizer que somos de Chantada, do agro e com desejo de transgredir sem perder o sentido do humor e sem deixar por isso de dizer como aquele programa do Partido Galeguista da década de 30: “Galiza, célula de universalidade”. Em tudo caso nom é original nosso porque, se mal nom lembro, na escola empregava-o um rapaz que gravava rap em cassetes... Também temos que lembrar-nos de Odmin que tocou a batería no Noalha Viva com nós porque tinhamos ao Marcos indisposto.
Como nacen as cancións do voso grupo? Que influencias tedes e que significa para vós este proxecto?
(Xurxo) eu penso que dentro do grupo cada compoñente ten os seus fetiches musicais!!!! Todos aportamos o noso toque característico e somos xente cun amplo espectro que vai dende a rama da gaiteirada, do mundo máis folk, das bandas de música, ata o rock, punk e haevy máis transgresor, facémoslle unha orxía musical que ao final é o que nos dá o noso toque. Agora sí, cando tiña 6-7 anos, daquela a música ou estaba na radio ou nos casetes; eu tiña o típico walkman con cascos e as dúas cintas que tiña xa raiadas tanto pola cara A como pola cara B eran a de Unión Bravú, e a de “Heredeiros da Crus”, e logo non falemos do Club Xabarín, esas tardes de chegada da escola, poñerse a fecer que se facían as tarefas na cociña co bocadillo de Nocilla.
[Antom] Isso é mérito do Xurxo com os contributos de Héctor e Marcos que de música também sabem um pouco... algum tema, como a Pesetiña, nasceu um domingo pola tarde de resaca em pouco menos de 5 minutos... se quer que o Jorge vos conte a história. As influências acho que som múltiplas porque somos 9 e com gostos musicais diversos... Eu, por exemplo, quase nunca ouço música em inglês e quanto estilo o que eu qualifico como rock que tampouco é muito “científico” (agora que a ciência é a teologia da filosofia pós-moderna): aí colhem desde A Roda, os aragoneses Prau, Talco, Obrint Pas, Rastreros, Ruxe-Ruxe, Zënzar, os alemáns In Extremo ou os brasileiros Garotos Podres.
(Xorxe) Non engadirei moito ao que xa dixeron os meus compañeiros. Como di Xurxo todos vimos de diversas culturas musicais, nuns casos máis coincidentes e noutros menos. No meu caso levo tocando a gaita desde os 10-11 anos por diversas vilas, aldeas, etc. Do país, e a miña visión nace do máis fondo dese mundo. En especial sempre gostei da cultura popular que irradiaban as aldeas nas mañas de alborada, casa por casa, onde a xente participaba cos músicos bailando ou cantando e ao final nos ofrecían algunha que outra toma, cousa que se agradecía moito.
Os temas penso que están baseados nas vivencias persoais, que non por ser tal carecen de sentido social estando como estamos inmersos nel. Por exemplo, a Pesetiña, á que facía referencia Antom, saíu dunha historia que eu lles contaba un día no local de ensaio referente ao caciquismo e falta de ética no mundo actual, o que desemboco na grave crise que agora vivimos. Así a Pesetiña aínda que non o pareza a primeira vista é un tema cargado de gran crítica social.

[Marcos] Teño a gran sorte de que cando chego a ensaiar os temas novos, o básico (letra, armonía, melodia, estrutura) xa esta creado, co cal falamos de que ritmo e intencion ten, e metémosllo. Realmente é todo bastante fácil e creativo neste grupo. Con respecto a influencias, o grupo é moi aberto, pero seguindo unha clara liña de rock, punk e algo de ska.
(Levices) Como din aí os presentes cada un sabe as súas, eu sempre fun máis de rock 'n' roll e heavy clásico do corte de AC/DC, Black Sabbath, Motorhead pero nunca deixei de escoitar nada fóra deses estilos e menos se saía da nosa terra como son os Rastreros, os Ruxe-Ruxe e agora moitos outros grupos moi interesantes que xa levan algún tempo pero que comezan a darse a coñecer coma os The Brosas, os Fervellasverzas e Ultraqans, que teñen o mellor baixista de todo o país e bastante fixo con aguantarme o día do Castañazo!!
Ten hoxe boa saúde a música galega? E en Chantada que percepción hai do rock e da música en galego? Como se recebiu na vila o nacemento de Liviao de Marrao?
[Antom] Numha sociedade avelhentada os nascimentos adoitam receber-se bem... a verdade é que Liviao de Marrao tivo umha acolhida que dificilmente podiamos imaginar. Em Chantada, contudo, é umha minoria o público que gosta e consome música galega... ainda assim há lugares piores porque aqui, quando menos, nalgum local da vila é possível tomar umha copa escuitando os Diplomáticos ou Medomedá.
(Levices) A saúde da música galega radica nos seus grupos e polo tanto agora mesmo ten unha saúde envexable... se falamos de grupos galegos hainos a patadas, eu vivín en Vigo e alí calquera rapaz cun instrumento ten un grupo de máis ou menos saída pero aí están. Outra cousa é grupos en galego, que tamén hai un feixe de eles mais o que vexo eu é a proxección e interese xeral, que aínda que é moito é raro escoitar grupos de aquí nalgún bar polas noites. En Chantada aínda salvamos da queima, como di Antom mais noutros sitios nin iso. Tamén me deu moita pena que un grupo coa carreira de Zenzar, que xa son vintecinco anos de carreira (e a ver cantos grupos poden dicir o mesmo) e cos que compartimos escenario hai mes e medio só congregaran a unhas cincuenta persoas. A min personalmente doeume. En canto a nós tivemos bastante sorte, os bares de Chantada facilitaron bastante as cousas para tocar e a xente respondeu moi ben, en tódolos concertos, non só o primeiro a modo de novidade e ben se viu no Castañazo... as primeiras filas cheas de xente de aquí e moi animada o cal sempre é de agradecer porque che transmite esa alegría e á hora de tocar poncho máis fácil e sempre o pasas mellor.
[Marcos] Temos a gran sorte de que nos concertos en chantada o publico sempre responde e esperamos non defraudalos nunca, ainda que necesitamos salir mais por aí adiante para poder comprobar se o publico “non-chantadino” sente o mesmo con nós.
(Xorxe) A música galega ten, penso, boa saúde. Hoxe por hoxe a nosa língua está presente en multiplos estilos como o rap, rock, pop, etc. Levices pon bos exemplos diso. É posible que a capacidade da música na nosa língua se vexa limitada por falta de apoios económicos, comunicativos, etc. Mais acho que a historia nos demostra que ao final iso é o de menos aínda que si é importante. No seu tempo grandes poetas galegos careceron deses altofalantes mais velaí os temos, nos cumes da literatura mundial. Podemos por un exemplo como o de Celso Emilio Ferreiro se cadra un dos nosos poetas máis recoñecidos fora, e que soubo conectar dúas xeracións culturais bastante distintas e darlle continuidade a cultura na nosa lingua.
(Xurxo) Temos sorte de sermos de Chantada. Eu penso k era necesario este proxecto, somos da terra do Bravú, da terra dos Rastreros, da Ribeira Sacra, da Muiñeira de Chantada… son moitos os amigos que nos apoiaron, incluso sen saber moi ben de que ía a cousa, ás cegas, que é cando máis se nota o apoio.
E se dicimos Rastreros de Chantada vós dicides...
(Xorxe) Dicimos fito da música galega, cúspide, dicimos pór á música galega nun tempo e lugar no que, sen eles, non estaría. Galiza ten unha débeda enorme con xente coma os Rastreros, tamén cos Diplomáticos de Montealto, os Yellow Pixoliñas, Andrés do Barro, etc. Por eles é que nós estamos probablemente aquí.
[Antom] Que tirá essa vaca, que tirá, que tirá... É impresionante ver como desde o primeiro até o último tema a sua vigência é talvez maior hoje que quando forom feitos. Por algo o ultraliberalismo foi umha contra-revoluçom, nom?
(Xurxo) … todolos becerros andan tolos por mamar!!!!! XD. Un referente para nós evidentemente. Así como tamén outro dos nosos referentes os Ruxe-Ruxe que mantiveron esa chama sempre encendida, ademais de ser boa xente. Antóm recordará aquel día que fomos ao ensaio deles alá en Arins, foi un hito moi importante na nosa creación. A idea xa a tiñamos, faltábanos aquel empurre e aquel licor café para comezar a armala!!
Liviao de Marrao participou no concurso Novo Son, onde realmente se comezou a coñecer na rede... Para cando un disco? Tedes outros proxectos en mente?
[Antom] As redes sociais há que reconhecer-lhe certa potencialidade... hoje com um par de temas podes chegar a mais gente que nalgum tempo com dúzias de disco. Parece-me urxente, contudo, elaborar entre todos os grupos do sistema musical galego plataformas digitais onde a gente pode descarregar música e saber de nós. E é urgente somar esforços e fazer umha única plataforma e nom 100 porque o que é imprescindíbel é alargar a base social que aposta e ouve música em galego.
E se dicimos Castañazo- rock?
(Levices) O do Castañazo foi algo que levabamos desexando case dende comezos e nunca pensamos que chegaríamos ata aí. O Castañazo é un festival de primeira orde e poder compartir escenario con xente de tanto nome e con grupos de tanto relevo é algo que non esqueceremos xamais. Non é que sexa negativo, mais que se volva a repetir algo así no grupo vai ser complicado. Para alguén coma min chegar e tocar diante de tanta xente tan entregada era algo que sempre me facía ilusión pensar pero coma un soño, que estás case convencido de que non vai pasar e ó final alí estivemos.

[Marcos] Para nos, o concerto deste ano, foi algo impresionante, no que estivemos traballando moito tempo, e que realmente creo que podemos estar contentos por termos deixado bo sabor de boca. Ogallá repitamos algún ano!!!
(Xurxo) bufff…!!! A día de hoxe aínda o estou procesando todo. En dúa palabras Im- Presionanate.
[Antom] Ainda que viva 100 anos nunca esquecerei o dia que subim ao mesmo cenário que Antón e Fran dos Papaqueixos, que Xurxo Souto dos Diplomáticos ou que Richi e Eléctrico dos Rastreros... Creio que Chantada já nom se entende sem esse festival, que está fazendo muito pola música galega e tem umha repercusom possitiva na vila. Creio que também temos umha grande responsabilidade todas e todos os que gostamos da música em galego em apoiar e colaborar com todos os festivais grandes e pequenos, cada vez com mais dificuldades económicas para seguirem avante.
(Xorxe) Simplemente engadirei que para min subir a aquel escenario no Castañazo Rock e ver esa morea de xente fitando para nós e agardando a que comezaramos foi impresionante, único, como ben di Antom eu tampouco o esquecerei na vida… E quero agradecer o apoio de toda a xente que estivo alí, escoitándonos e saltando con nós.
Que lle fai falta hoxe á música galega para normalizarse e chegar á maioría do pobo galego?
(Xorxe) Á música galega faille falta algo que xa ten: ser ela mesma e conectar coa inmensa maioría da xente, pórlle voz ao queixume dos pinos. Porque a música é unha creación popular e non pode vivir allea a sociedade ou como dicía o poeta ser dun tempo e dunha terra, eis o segredo da poesía máis verdadeira.
[Antom] Audácia, autencidade e nom ter medo aos complexos ou o que dirám. E, por suposto, rachar com o cánon musical que imponhem desde a mídia, tanto a estatal como a galega (em especial a RTVG que nom aposta evidentemente pola música contestatária).

[Marcos] O mesmo que lle pasa á musica “culta” e a outras: que se eduque á xente para que teña unha cultura de base importante, variada e aberta; e por suposto, que se teña mais orgullo do propio.
(Levices) Aceptación por unha maioría máis ampla de público e si, tamén rachar cos cánones musicais. Aínda queda moita radio-fórmula e merda polo estilo. Promocións bestiais-discos sinxelos a prezos desorbitados e logo tirar con eles. Hai música de moita calidade, a xente sábeo, pero non conta cuns medios fortes e sólidos por detrás.
(Xurxo) As veces as cousas caen polo seu propio peso, xa estamos a ver como o sistema se tambalea e non dan feito a parchear. Nós como pobo, temos que manter vivo o noso, que nadie se atreva a meter nun edificio, por moi bonito e caro que sexa, o que eles lle chaman “cultura” porque a cultura está aquí, en todos os que queiran contribuír, está aberta e non enclaustrada como nos queren facer crer. Inda non morremos para que nos enterren.
Cales van ser os vosos próximos concertos?
[Antom] Haverá que deixar passar o Sam Martinho, por se acaso. Com Feijoo de presidente imo-nos encher de tocar. Espero que nom tarde tampouco o dia em que toquemos no Obradoiro no dia da independência.
(Xurxo) Algo me comentaron para o San Xoán en Milleirós, así tamén xa aviso aos músicos.
(Levices) Avisados estamos logo, Gurgo. Isto vai sobre a marcha... agardemos que non sexa un parón moi prolongado e volver a tocar en breves.
Que significou o Bravú para a sociedade galega? E para vós?
[Antom] Para mim bravú é bravío, como dizimos aquí. A carne sem castrar, o castiço que nom se come. É o auténtico, o que é muito difícil domesticar. O que di o que pensa. Bravú é na música o que fraternidade na república.
(Xorxe) O bravú oínllo definir moi ben un día a Xurxo Souto. Creo que definía o bravú ou senón o facía polo menos para min fixo cando dixo aquelo de… Temos bravura abondo para tronzalo mundo en mil pedazos. O bravú é como di Antom bravío, forza, valor, carraxe ou como do a miña avoa ter sangue, moverse. En Galiza temos moito diso desde o interior labrego, pasando polos operarios das cidades ata a costa mariñeira.

[Marcos] Musica con moito mensaxe, moita forza , que naceu nun tempo no que facía falta. Un bon precedente para os tempos que corren.