ENTREVISTA CAMARADA NIMOY

Camarada Nimoy está preparando novo disco, pero mentres nos deixa un xuño con moitas actuacións - Falamos con Paulo, guitarra e theremin da banda






Cómo lle diríades a alguén que é CAMARADA NIMOY?
Sempre dicimos que isto é unha necesidade expresiva que lle damos cera cos recursos que coñecemos. Seguimos moitos xéneros como o math rock, surf-horror, space pop, swing. etc o pasamos polo nosa batidora dun xeito expontáneo e non demasiado pretencioso. O nome da banda fai referencia a Leonard Nimoy, un personaxe interesantísimo, ademais de icono pop polo seu papel en Star Trek, ten moitísimas cousas feitas en distintas disciplinas: fotógrafía, poesía, música, etc… É un coñecido vexetariano amante dos animais que nos 70 escribiu “Non son Spock” e nos 90 “Eu son Spock” e iso nos parece “fascinating” :)). "Music From Outer Space" e "Two Sides of Leonard Nimoy" parécennos dous discos del fantásticos, que mesturan moitas das cousas que metemos tamén na nosa ensalada lounge. Pero non somos trekkis de orellas puntiagudas, temos máis alimentos para a nosa cociña. O noso Camarada Nimoy é un Spock dunha república socialista no espazo exterior, así o imaxinamos cando usamos como imaxe a súa foto co puño levantado en vez do seu clásico saúdo vulcaniano. Por filosofía e por experiencias anteriores apostamos por saír do local de ensaios en vez de vivir únicamente dentro del. Desfrutar da música de cada actuación relaxados sen meterse en experimentos barrocos ou alardes técnicos fóra de lugar. Iso levounos a facer xa unha minixira portuguesa e bastantes concertos para o relativamente pouco tempo que levamos xuntos tocando.


Que grupo, disco ou razón animouvos a formar o grupo?
Como ben dis, animáronnos grupos como Messer für Frau Müller, Man or astroman?, Cabo San roque... Discos como "Music From Outer Space" de Leonard Nimoy e moitas máis cousas, consuminos moita música. E tamén películas! Charade, Good Bye Lenin, Farenheit 451, con esas bandas sonoras tan boas de Mancini, Morricone, etc. A min (Paulo) impulsoume ver e escoitar na rede a interpretación que fan do tema "A Secret Place" a banda de Yann Tiersen nunha xira do 2006, unha versión moi eléctrica cun batería fortísimo peiteada pola marabillosa melodía das Ondas Martenot. Parece dicir máis que moitas letras dalgúns cantantes. Nesa interpretación e nese tema creo que está o concepto do grupo, música autónoma sen precisar voz para a súa narrativa.


Dadeslle moita importancia as imaxes que levades ou son un complemento?
Moita! contextuálizannos no escenario e axudan a comprender máis as nosas atmósferas. Gústanos moito o cine e a música no cine.
Que contades do panorama galego actual?
Que hai cousas moi interesantes e xente que está tocando moito e moi ben; Lendrone, Unicornibot… e seguiríamos cunha listaxe tan grande que quedariamos mal por deixar a alguén atrás. Parece que a crise non afectou negativamente neste sentido, hai novas xeracións ruidosamente creativas. Notamos cambios estruturais, outras formulacións distintas, a aparición por exemplo de centros autoxestinados como válvula de escape, un fenómeno de menos de 7 anos atrás que xenera correntes ao redor dos grupos. A autoedición como a formula máis empregada no desenvolvemento da maioría dos grupos, quizáis por ser a única maneira de poder levar adiante determinadas propostas.
Credes que era dixital e o internet sobresaturou a oferta musical?
Non vemos no dixital ningún inimigo xa que se non foxe pola tecnoloxía dixital nunca teríamos cartos para facer unha gravación e un LP como o que fixemos. Que haxa moita oferta musical é positivo, máis ben do que estamos saturados é de ver repetirse demasiados nomes nos cartaces dos festivais e xutanzas de grupos doutras xeracións como cabezas de carteis. Afortunadamente hai unha escena, ten forza e nós pensamos que hai sitio para todos. Que dure o non xa é outro tema hahaha, tal e como están as cousas é mellor non pensalo demasiado
Tedes actuacións por diante ?
Si, neste mes de xuño temos cousas. Estamos tocando tamén en formato reducido de 2 nalgúns sitios como tendas de discos ou locais pequenos. Temos estas datas:
xoves 12 xuño Fábrica de Cocholate Club (Vigo, concerto axuda para a protectora "Animais sen fronteiras") Xunto a moitos máis músicos, estaremos tocando uns poucos temas en formato reducido sábado 
14 xuño Surfing The Lerez (Pontevedra, Illa das Esculturas) https://www.facebook.com/SurfingTheLerezFestival 
venres 20 xuño Golem (Vigo) en formato reducido 
sábado 21 xuño CASTRO ESCURO: I Alcabre Music Festival (Alcabre, Vigo) Xunto a VIVA BAZOOKA, UPPERCUT, ROCKIN' FOR TANGAS e WEED BUG 
sábado 28 xuño Festival Itinerante de Verán (Gondomar) 
domingo 29 xuño Bar Labranza (Bueu, Meiro) 
 Sodes compradores de música? en que formato? cales foron os últimos? 
No grupo non temos todos os mesmos patróns, pero se falo por min (Paulo) Son un moderado comprador de vinilo (xa me gustaría comprar máis) Os últimos que pillei (así pensando rápido) son o "It´s a alive" de "La Luz", o "Electric Storm" dos "White Noise" e o último dos Pixies 
Moitas grazas, queredes engadir algo máis? 
De nada, grazas a musicaengalego.blogspot.com pola vosa actividade tan necesaria! Pois xa que estamos no día seguinte as eleccións europeas aproveitamos para mostrar a nosa indignación e noxo por toda a panda de nazis que votaron en Francia, Dinamarca, Austria, Grecia, Finlandia, Alemania, etc.. é intolerable, vergoñento, perigoso e altamente contaminante.