TREIXADURA NO 25 ANIVERSARIO DA U. VIGO CAMPUS OURENSE

O aforo completo do Teatro Principal de Ourense foi onte testemuña dunha celebración histórica onde coincidiron dúas institucións galegas para celebrar o seu 25 Aniversario:
A universidade de Vigo e Treixadura. 

Unha gran festa para homenaxear os 25 anos da Universidade de Vigo. O campus de Ourense uniuse este xoves á conmemoración da institución académica cun concerto que reuniu a preto de 400 persoas, tanto membros da comunidade universitaria como persoas alleas, no Teatro Principal da cidade para celebrar ao son da mellor música tradicional galega un cuarto de século formando cidadáns, creando cultura e facendo país. Ao son de Treixadura e de Cantigas e Agarimos, a comunidade universitaria ourensá botou unha ollada ao pasado e ao presente para brindar, cando menos, por outros 25 anos máis xuntos.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, foron os encargados de presentar o acto e dar a benvida aos asistentes á celebración, que encheron o Teatro Principal. “Despois de 25 anos se algo nos empuxa a seguir adiante é o cariño da xente, sabernos apreciados, como é neste caso pola xente de Ourense. Por iso quixemos compartir con vós este momento tan especial”, salientou Mato. “Somos unha universidade que traballa mirando ao futuro, innovando, poñéndonos retos, unha universidade do pobo e para o pobo ao que pertencemos, esta universidade é a vosa universidade”, díxolle Virxilio Rodríguez aos presentes.

Pasado, presente e futuro

Foi Sabela Gago, das Aulas de Teatro do campus de Ourense, a encargada de pór voz á comunidade universitaria ourensá no acto lendo un texto escrito para a ocasión intentando recoller o sentir por estes 25 anos de historia. Sinalando como en 1989 culminou o proceso que conduciu á segregación das universidades de Vigo e A Coruña da de Santiago de Compostela, Gago lembrou como “empezou así a andaina propia da Universidade de Vigo, mirando de preto a realidade do sur de Galicia e pretendendo ser unha das súas institucións de referencia”. Destacando o papel dos diferentes reitores na evolución da entidade, a texto lido fixo fincapé en como grazas a esa historia o campus de Ourense conta hoxe en día con seis facultades e escolas, con 13 títulos de grao e máis de 30 títulos de posgrao, con máis de 4.600 alumnas e alumnos e 400 persoas traballando.

“Esta universidade está máis preto das empresas, ofrecendo colaboración e, sobre todo, respostas, contribuíndo ao seu crecemento e competitividade. É unha fonte importante de creación de emprego directo e indirecto. Unha universidade máis forte, para facernos máis donos de nós mesmos. Isto é o que somos. Esta é a actitude da Universidade de Vigo”, salientou a portavoz. Coa ollada posta no futuro, Sabela Gago recalcou como “a pesar das dificultades este campus quere seguir a medrar”, con novos estudos, centros e infraestruturas.

Soñando cos 25 próximos anos, o documento salientou como a institución académica aspira a ser determinante para o desenvolvemento económico e social de Galicia sen esquecer que estamos nun mundo globalizado. “A nosa universidade estará no mundo a través dos nosos estudantes, completando e/ou rematando os seus estudos noutros países; do alumnado estranxeiro que veña a estudar a aquí, que serán auténticos embaixadores da universidade e con ela do noso pobo en calquera parte do mundo; dos investigadores que alargan as fronteiras do coñecemento facendo que esta universidade brille con luz propia. Acompañando ás empresas, aportándolles respaldo nos seus procesos de internacionalización”, apuntou. “Dentro de 25 anos na rúa, en calquera rúa de Ourense, Vigo e Pontevedra, a Universidade de Vigo estará preto da xente e do pobo, que se sentirá parte do seu equipo”, afirmou por último Sabela Gago en nome da comunidade universitaria.



A banda sonora

Tralos discursos chegou o momento da música e Treixadura saíu ao escenario para, a través do “gozo do canto colectivo”, render homenaxe ao cuarto de século da institución académica mentres facían un percorrido polos seus propios 25 anos de vida musical. Durante o concerto, Treixadura presentou o seu novo disco,

titulado Vendima Tarda, e estivo acompañado no escenario pola histórica coral Cantigas e Agarimos, que participou na gravación deste último disco. Xuntos e cun público entregado puxeron a banda sonora e a emoción a esta conmemoración.

Rosa Tedín | Ourense